Manolo Rivas: ‘Hai unha intencionalidade clara de crear psicose’

manolorivas_100_110806.jpgENTREVISTA > Manolo Rivas traía onte a tristura nos ollos. A pesar de que a súa novela ‘Os libros arden mal’ está a ser unha das obras máis vendidas en librarías e feiras de Galicia, a súa condición de persoeiro comprometido coa terra deixaba entrever o cansanzo das chamas que non fan arder só os libros e que estes días destrúen Galicia ó completo. Malia todo non faltou á cita cos seus fieis seguidores que fixeron coa para levar o seu exemplar á casa asinado cunha fermosa estampa feita con pluma de tinta negra e de tinta azul. Entre eles a redactora de Tele Salnés Barbanza que escribe e que falou con el para vostedes.

TVSB: Manolo, por que os libros arden mal?

Manolo Rivas: Os libros arden mal porque non son só o papel. Son seres vivos e, aínda que pasen por situacións dramáticas como é a queima en agosto do 36 na Coruña, os libros seguen a súa vida. Eu penso que arden mal porque, como sucede cos seres humanos, fronte á derrota protagonizan unha redención.

TVSB: O título da túa obra da pé a que che preguntemos polo que está a pasar estes días en Galicia… Por que os montes galegos están a arder mal?

manolorivasasina_200_110806.jpgM.R.: Hai algo de relación na queima de libros e de montes. Queimar montes, usar a violencia, é un xeito de fascismo cara a nai terra, o noso fogar… É unha queima que afecta á relación entre as persoas e o medio. Eu creo que hai unha intencionalidade clara de crear unha psicose. A xente cando está nesa tensión e vive unha situación de guerra e violencia pode reaccionar de moitas maneiras. Ás veces de xeito individualista (sacando o peor de nós). Pero como pasou noutras ocasións oxalá isto serva para dar un xiro copernicano e se comece a considerar delicto grave a agresión ó medio natural no que vivimos e logremos que as causas que provocan o lume desaparezan.

TVSB: Como membro de Greenpeace, que lle parece que se compare a traxedia do lume coa catástrofe do Prestige?

M.R.: Como falamos de catástrofes a xente tende a agrupar todo nunha mesma categoría. Aínda que as casuísticas non teñan nada logo que ver. Informativamente falando, para comezar, non se oculta que hai lume e dáselle información real e fiable á xente do que está a pasar. Teño que lembrar que cando houbo unha reacción popular contra a xestión do goberno polo tema do Prestige foi porque lembro que (estando eu traballando como xornalista) ó oitavo día seguíase a dicir que non había marea negra. Falar dos lumes e facelo do Prestige, é distinto. Son catástrofes ambientais pero a casuística é ben distinta. Creo que hai unha certa estratexia este ano para crear psicose. O problema do lume hóuboo sempre pero nesta ocasión introduce novidades: hai como unha organización, un entramado. Estase afectando a núcleos habitados e isto é grave. Para entendernos, no fondo hai unha intencionalidade política. Galicia apostou polo cambio e a min non me estranaría nada que haxa certa intencionalidade. Aínda así eu son optimista, hai moitas cousas que corrixir no que está pasando pero a isto hai que lograr darlle unha viraxe.

TVSB: Pasa xa pola túa cabeza plasmar nalgunha obra todo a traxedia do lume deste nefasto verán?

M.R.: Non podes programar o que vas escribir. A realidade é moi pegañenta para escribir e ás veces dun xeito ou doutro vai agromando na túa obra.

Redacción Salnés