Un accidente obriga a cortar a autovía do Barbanza ó seu paso por Taragoña

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/27/accidenteautoviabarbanza2702151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/27/accidenteautoviabarbanza270215.mp4{/flowplayer} RIANXO> Un espectacular accidente mantivo cortada á autovía do Barbanza ó seu paso por Taragoña ó longo de toda a mañá. A pesar do aparatoso do sinistro, a colisión entre un camión e un turismo saldouse unicamente cun ferido leve. Ó redor das dez da mañá producíase este aparatoso accidente na autovía do Barbanza, á altura de Taragoña, en dirección a Ribeira. Todo parece indicar que o sinistro tivo lugar durante unha manobra de adiantamento. Por causas que se descoñecen, o turismo que tentaba adiantar ó camión acabou colidindo con el, e finalmente os dous vehículos impactaron contra a mediana. O estado en que quedaron dá idea da brutalidade do choque. A cabina do camión de mudanzas desprendeuse do remolque mentres que o turismo presentaba importantes danos na parte dianteira. Malia todo, tan só resultou ferido leve o condutor do camión que foi trasladado ó hospital do Barbanza con feridas nunha perna. Ata o lugar do accidente desprazouse unha dotación dos bombeiros de Boiro, Garda Civil de Tráfico, Policía Local e Protección Civil de Rianxo. A autovía permaneceu cortada ó longo de toda a mañá dende o acceso de Taragoña ata Boiro polo que os condutores en dirección a Ribeira deberon tomar o desvío alternativo pola estrada comarcal. Tras retirar os vehículos implicados no accidente e limpar a calzada, a vía volveu abrir ó tráfico pasadas as dúas da tarde.