Touriño e Suárez Canal visitan as zonas máis afectadas polos incendios

    tourioincendios_100_160806.jpgRIANXO > O presidente da Xunta e o Conselleiro de Medio Rural visitaron algunhas das zonas de Galicia máis afectadas polos incendios forestais. No transcurso do seu percorrido fixeron un alto no concello de Rianxo onde mantiveron unha reunión cos alcaldes barbanzáns para realizar unha primeira valoración dos danos provocados pola vaga de lumes. Alí tamén tiveron ocasión de coñecer da man dos veciños afectados os momentos de crise vividos no municipio rianxeiro ante a ameaza das lapas.

    A súa primeira parada foi no lugar de Ourille, en Taragoña, para comprobar o devastador efecto dos incendios no concello rianxeiro, que veu arrasado preto do 95 por cento da súa superficie forestal. Alí, mantiveron un encontro cos veciños e comuneiros afectados que tiveron ocasión de trasladarlle ós representantes autonómicos as súas principais reivindicacións consistentes na necesidade de axudas e a urxencia con que se deben acometer as tarefas de reforestación. Así mesmo, incidiron na importancia de que a administración asuma unha maior implicación na limpeza e mantemento dos montes así como na súa vixilancia.

    Os veciños de Ourille aproveitaron a presenza do presidente autonómico para facerlle saber da magnitude da catástrofe nesta aldea na que a maior parte dos residentes tiveron que ser evacuados posto que as lapas cercaron as vivendas durante a noite vivíndose momentos de angustia e tensión.tourioincendio2_200_160806.jpg

    Trala visita ó terreo queimado, os representantes autonómicos mantiveron unha xuntanza cos alcaldes de Rianxo, Ribeira, Pobra, Boiro, Rois, Lousame e Porto do Son para analizar o alcance dos danos derivados desta catástrofe unha vez finalizada a vaga de lumes. O presidente da Xunta destacou que as consecuencias son moi importantes tanto no ámbito económico, como no paisaxístico e territorial polo que a partir de agora se abrirá una nova etapa de traballo encamiñada a superar limitacións. Pola súa banda, o Conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, explicou que a pesar de que os momentos de crise están superados, o goberno da Xunta non baixará a garda e manterá en alerta un completo dispositivo.

    Á espera de datos oficiais que permitan coñecer o total de hectáreas queimadas en Galicia, a Xunta de Galicia ten previsto iniciar o deseño de axudas para os afectados e medidas encamiñadas á recuperación do monte. Para establecer as principais liñas de colaboración cos concellos, o presidente da Xunta manterá o próximo venres unha rolda de entrevistas cos alcaldes dos municipios máis afectados.tourioincendio1_200_160806.jpg

    No que queda de mes está prevista a celebración de dous Consellos da Xunta: un o día 24 para examinar-lo impacto da catástrofe e outro o día 31, no que se establecerán as políticas e liñas de traballo de cara á superación da crise.

    Neste sentido, Pérez Touriño agradeceu a vontade de colaboración tanto dos veciños coma dos seus representantes, os alcaldes, para afrontar unha nova etapa de traballo encamiñada recuperación do ecosistema destruído.

    Así mesmo, o presidente da Xunta anunciou que o goberno autonómico seguirá a traballar na loita contra o lume, non só co mantemento do dispositivo de extinción senón a través do deseño de políticas forestais e urbanísticas e a dureza na aplicación da lei ós presuntos pirómanos.

    Redacción Barbanza