As embarcacións do porto de Palmeira rexistraron xa seis roubos durante o verán

    portopalmeira1_100_050906.jpgRIBEIRA > Este verán está a ser especialmente crítico no porto de Palmeira onde, dende o pasado mes de xullo, se teñen rexistrado diversos roubos nas embarcacións alí atracadas. Esta pasada fin de semana desapareceron dous motores e varios equipos de salvamento. Os membros da confraría consideran que é preciso incrementar a vixilancia e restrinxir o acceso á zona portuaria para poñer fin a esta vaga de delitos.

    En total xa son seis os roubos rexistrados no porto da parroquia ribeiresa de Palmeira ó longo deste verán. Polo momento, os propietarios afectados non teñen cuantificado as perdas pero os roubos centranse en obxectos de gran valor económico como aparatos electrónicos, motores, tanques de gasolina, equipamento para buceo e mesmo material de salvamento.

    Ademais da falla dos obxectos, estes roubos impediron que varios mariñeiros non puidesen faenar durante días posto que non tiñan o material necesario, o que supón unha importante perda engadida.

    Ata o momento descoñécese a identidade dos autores dos feitos pero a policía está  traballar na súa investigación.portopalmeira2_200_050906.jpg

    A gravidade do problema levou ó patrón maior de Palmeira, Miguel Franco, a convocar unha xuntanza cos socios da confraría para deseñar posibles solucións a esta problemática que terá lugar ó longo desta semana. Polo momento, os membros do pósito acordaron solicitar o incremento da vixilancia policial así coma rextrinxir o acceso ó porto.

    Redacción Barbanza