Alonso destaca en Marín o prestixio da Escola Naval

    MARÍN > José Antonio Alonso, ministro de defensa, visitou esta mañá a Escola Naval Militar de Marín, na que foi a súa primeira visita oficial a este centro dende que ocupa a carteira de Defensa. Ás 11 e media da mañá e procedente de Vigo, iniciou o percorrido polas instalacións, onde se interesou polo plano de estudos que seguen os alumnos e polo novo simulador de navegación da escola, único en España.

    joseantonioalonsotropa_200_140207.jpgO ministro de defensa, José Antonio Alonso visitou esta mañá, acompañado polo Almirante Xeneral Sebastián Zaragoza, Xefe do Estado Maior da Armada, a Escola Naval Militar de Marín. Á súa chegada pasou revista á tropa que lle rendiu honores, e realizou un precorrido polas instalacións. En primeiro lugar visitou o simulador de navegación. Unha ferramenta de última tecnoloxía, única en España que custou 1 millón 600 mil euros.

    Os alumnos poden practicar nel coma se dunha ponte de mando real se tratase, xa que permite reproducir na sala todas as condicións climatolóxicas e de estado da mar en tempo real de diferentes portos españois. Posteriormente dirixiuse á biblioteca onde asinou no libro de honra e visitou a nova lancha de maniobras. Finalmente, almorzou en Marín acompañado de todo o cadro de mando da armada. Nesta escola Naval estudian un total de 300 alumnos entre os que se atopan dous norteamericanos e cinco tailandeses, xa que o seu país non dispón de estudios militares específicamente navais.

    José Antonio Alonso, destacou o prestixio do que goza o plano de estudios da escola mariñense, que combina as materias usuais das carreiras técnicas universitarias de tres ou cinco anos de duración, cun exhaustivo entrenamento físico, dende as 6 e media da mañá ás 10 e media da noite. O ministro destacou por elo a alta calidade da formación que reciben os mariños nesta escola.

    Redacción Salnés