A escaseza de marisco de talla comercial segue a condicionar o libre marisqueo

BARBANZA> Semana e media despois do arranque da campaña do libre marisqueo as expectativas seguen a ser bastante pesimistas. Aínda que é cedo para facer balance, os profesionais coinciden na escaseza de recurso nos principais bancos de Arousa. As malas condicións meteorolóxicas con que arrancou a campaña do libre, condicionada polo forte vento do norte, impediron sacar conclusións sobre o estado dos bancos na primeira semana de actividade. Sen embargo, nestas últimas xornadas comezan a cumprirse os peores presaxios sobre a escaseza de marisco de talla comercial. A este respecto, a asociación de rañeiros incide na necesidade de cambiar o modelo de xestión para o que xa elaboraron un plan de explotación conxunto apoiado por seis pósitos da ría. Insisten en que se trata dun proxecto a longo prazo polo que tardarán aínda en verse os resultados. Sen embargo, entenden que é a única maneira de poner fin ó declive que ano tras ano sufren os bancos de libre cunha produtividade á baixa.