![]()
RIBEIRA > A decisión de pechar o porto de Ribeira a toda persoa allea segue sen convencer ó executivo local que ten previsto presentar ante Portos de Galicia un proxecto alternativo que permita o tránsito dos peóns pola zona portuaria. A proposta, que contempla a creación dun corredor na marxe dereita do peirao, será debatida polos membros da corporación no pleno do próximo luns.
A normativa da Organización Marítima Internacional obriga a restrinxir o acceso de calquera persoa allea á zona de traballo no porto. Por este motivo, Portos de Galicia ten prevista a colocación dun peche transversal na entrada do peirao para limitar o acceso ó mesmo.
Tanto o concello coma os veciños non vén con bos ollos esta medida posto que poría fin á tradicional costume existente entre os veciños de Ribeira de pasear pola zona portuaria.
Por este motivo, o executivo ribeirés deseñou un proxecto alternativo que será exposto ó resto dos grupos na sesión plenaria do vindeiro luns. O concello propón a colocación dun valado que divida en dous espazos ó porto habilitando a parte da dereita como paseo peonil e a esquerda como área de traballo restrinxida. Os veciños consideran que esta medida sería a máis axeitada na busca de simultanear a actividade económica e a social.
Polo momento, haberá que agardar a valoración que faga o ente autonómico da proposta elaborada polo concello para saber se esta imaxe seguirá a repetirse nun futuro no porto de Ribeira.
Redacción Barbanza










