O PP tumba no Parlamento a iniciativa lexislativa popular en defensa da pesca e o marisqueo

GALICIA> O Parlamento Galego bota abaixo a iniciativa lexislativa popular para o recoñecemento e protección das actividades pesqueiras e marisqueiras. A proposta debateuse esta mañá en Santiago. Pero o Partido Popular impediu que se admitise a trámite, votando en contra. Si apoiaron o texto o BNG e o PSdeG.

O texto viña apoiado por case 18.000 sinaturas. Foi o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e representante da comisión promotora da ILP, Xaquín Rubido, o encargado de defendela na Cámara Galega.

Acompañárono no hemiciclo unha trintena de persoas representantes do mar, xa que o texto gozaba dun amplísimo apoio entre o sector, dende a Federación Galega de Confrarías, patróns maiores, agrupacións de mariscadoras e bateeiros, sindicatos e concellos e alcaldes de toda a ría de Arousa. Ademais, no exterior do Parlamento, concentrouse un grupo de traballadores do mar en apoio a esta ILP.

A iniciativa buscaba equipar o sector a outros, declarándoo de interese xeral. Tamén propoñía que se garanta e prioricen as actividades pesqueiras e marisqueiras tradicionais fronte outras actividades que ocupe o seu espazo marítimo ou que sexa incompatible co sector.

A PDRA amosou a súa estupefacción ante o voto en contra do PP, acusándoo de querer un sector do mar desprotexido fronte ás empresas eólicas, mineiras ou celulosas. Acusan aos populares de querer deixar morrer o sector do mar, levándoo -engaden- a unha situación terminal.