AMBAR logra a implicación das administracións no acceso ó mercado laboral

    ambar_100_200906.jpgBARBANZA > Tras unha primeira presentación ante os medios de comunicación, foron as autoridades barbanzáns as que tiveron ocasión de ve-lo documental realizado pola Asociación de Persoas con Diversidade Funcional, AMBAR. A cinta, titulada ‘Sete historias para catro alcaldes’ recolle as dificultades coas que se atopan as persoas discapacitadas á hora de acceder ó mercado de traballo. O obxectivo da asociación é implicar ás administracións na tarefa de eliminar a discriminación no ámbito laboral.

    Os alcaldes de Ribeira, Pobra e Boiro así coma representantes do concello de Rianxo asistiron á presentación deste documental que narra a historia de sete membros de AMBAR que desenvolveron prácticas en diversos servizos municipais trala realización dun curso de auxiliar de conserxe. A experiencia foi moi positiva e amosou, unha vez máis, a ampla capacitación das persoas con diversidade funcional para realizar funcións públicas.alcaldesambar_200_200906.jpg

    A iniciativa contou coa apoio da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte que xestionou a realización das prácticas. Sen embargo, unha vez rematado o periodo experimental ningún dos participantes conseguiu un contrato de traballo. Por este motivo, dende AMBAR ínstase ás administracións barbanzás a habilitar mecanismos que faciliten a integración destas persoas no eido laboral e social.

    Os representantes dos catro concello de Arousa Norte tomaron boa nota da mensaxe e comprometéronse a estuda-la proposta de AMBAR. Sen embargo, o actual presidente da entidade comarcal, Isaac Maceiras, explicou que é un tema que non se debe tratar unicamente a nivel local ou comarcal senón autonómico. Neste sentido, os catro alcaldes teñen prevista unha xuntanza con representantes da Consellería de Vicepresidencia e Benestar Social, na busca de solucións á discirminación existente no ámbito laboral.

    Redacción Barbanza