RIBEIRA > Unha veciña de Palmeira vén de acusar á compañía de seguros Mapfre de non facerse cargo da maior parte dos danos que un incendio ocasionou na súa vivenda hai máis de tres anos. A propietaria sostén que a empresa só arranxou unha parte da casa sen ter en conta os graves desperfectos na estrutura que, actualmente, fan perigar a estabilidade da edificación. A pesar das reiteradas reclamacións formuladas pola afectada, Mapfre soamente lle ofrece unha contía de dezanove mil euros, insuficiente, segundo a propietaria da vivenda, para realiza-las reformas precisas.
Hai aproximadamente tres anos e medio, María Jesús Saíñas, veciña do lugar de Insuela en Palmeira veu arder a súa casa. Daquela, a compañía coa que tiña contrarato o seguro, Mapfre, fíxose cargo dunha parte da reforma, acondicionando a pranta de abaixo e mediante o pago de parte do mobiliario.
Sen embargo, este arranxo non foi suficiente xa que non tivo en conta os danos estruturais sufridos pola vivenda.
Actualmente, a casa atópase nun estado lamentable, con fendas en tódalas paredes así como goteiras e deficiencias na instalación eléctrica. María Jesús Saíñas explica que a vivenda é practicamente inhabitable posto que os días de choiva é preciso corta-la luz polo risco de cortocircuitos e a auga fíltrase por todas partes.
A propietaria da vivenda reclama a Mapfre que acometa unha reforma integral para deixar a casa como estaba antes do sinistro así como oitocentos euros en concepto dun mes de aluguer que tivo que pagar mentres se executaron as obras e a adquisición dunha lavadora e un quentador.
Pola contra, a compañía ofrécelle 20 mil euros para o arranxo da casa, contía considerada insuficiente pola afectada posto que os presupostos que ten encargado a diversos contratistas ascenden a preto dos 40 mil euros.
María Jesús Saíñas ten previsto emprender accións legais contra Mapfre. Ademais da restauración da vivenda, a propietaria non descarta reclamar unha indemnización posto que a raíz do suceso está recibindo tratamento psiquiátrico.
Redacción Barbanza