Un veciño de Boiro pide axuda á Xunta para acabar cos ataques de xabaríns

    BOIRO > Un veciño do lugar de Teaño, en Boiro, acaba de denunciar os estragos que os xabaríns lle están a facer na súa finca. Os animais xa entraron na leira en varias ocasións provocando unha desfeita no terreo e destrozando os cultivos que ten alí prantados. O afectado di estar canso de que a Administración non poña solución ós continuos ataques dos xabaríns e que teña ser el o que corra cos gastos que ocasionan os animais. 

    Xosé Cabrera quixo mostrar ante as cámaras o estado no que quedou a súa finca logo do último ataque dos xabaríns. Os animais entraron na súa propiedade hai uns días destrozando o millo que tiña prantado, tombando as espigas e comendo parte delas.

    O veciño explicou que ata o de agora foi el o que tivo que correr cos gastos que ocasionan os xabaríns xa que nin a Consellería de Medio Ambiente nin o Coto de Caza se responsabilizan do sucedido. Ó parecer, e segundo explicou o afectado, ambos organismos negan ter competencias para facerse cargo da situación.

    Dende o departamento autonómico alegan que as perdas producidas non son suficientes para que sexa da súa responsabilidade polo que a cantidade en concepto de danos debería abonala o Coto de Caza.

    O afectado indicou non quere ningunha indemnización económica polos danos sufridos nas súas propiedades e simplemente esixe que alguén lle devolva o millo que os animais destrozaron.

    No que vai de ano os animais entraron nesta finca en dúas ocasións. O propietario di estar canso de ter que estar continuamente vixiando para evitar que os animais entren no terreo polo que espera que este problema se resolva canto antes.

    Redacción Barbanza