Fernández Moreda coloca a primeira pedra da futura piscina de Rianxo

    RIANXO > O presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, desprazouse ata Rianxo para participar no acto de colocación da primeira pedra da futura piscina municipal. Este proxecto, financiado nun 95 por cento polo ente provincial, estará rematado no prazo aproximado dun ano. Dende o executivo agárdase dar así resposta a unha vella demanda dos veciños do municipio.

    O alcalde, Pedro Piñeiro, e o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, tiveron a honra de colocar a primeira pedra da piscina climatizada de Rianxo. No acto estiveron presentes ademais outros membros da corporación municipal así coma os responsables da redacción do proxecto e da construtora Hispánica, empresa encargada de realiza-las obras. O proxecto conta cun orzamento próximo ó millón e medio de euros e un prazo aproximado de execución de dez meses. A este respecto, o executivo prevé que os traballos se poidan prolongar algún tempo máis debido ás malas condicións climatolóxicas durante o inverno aínda que sosteñen que o importante é obter un bo resultado final.

    A nova piscina climatizada situarase nas pistas deportivas do Campo de Arriba e o edificio contará con soto e planta baixa. Ademais do vaso principal para uso deportivo, as instalacións albergarán outros servizos como o ximnasio, a zona de rehabilitación ou a área de tratamento cardio vascular co que se pretende dar servizo a tódolos sectores de poboación.

    O redactor do proxecto, Francisco Otero, destacou a constante colaboración mantida co departamento municipal de Deportes para materializar esta proposta que se converterá nunha das infraestrututas deportivas máis avanzadas.

    Tanto o alcalde rianxeiro coma o presidente da Deputación amosáronse moi satisfeitos polo inicio deste proxecto e desexaron volver reencontrarse pronto en Rianxo para proceder á súa inauguración.

    Redacción Barbanza