O BNG de Boiro defende a idoneidade dos convenios de LyC e Eroski

    BOIRO > Os membros do BNG no goberno de Boiro compareceron en rolda de prensa para facer un balance das actuacións e proxectos realizados en materia de obras e infraestruturas no municipio nestes tres anos de goberno, facendo especial mención ós dous convenios urbanísticos, o de LyC en Espiñeira e o de Eroski en Goiáns, que están a levantar unha certa polémica na localidade e mesmo provocaron a rutura do tripartito coa expulsión de Manuel Velo.

    Foi o edil de Urbanismo, Xoán León, o encargado de pormenorizar tódolos proxectos levados a cabo polo executivo boirés nestes tres anos de goberno, a maioría dos cales estaban incluídos no seu programa electoral destacando que ningún deles foi herdado do anterior executivo do Partido Popular.

    Xoán León non quixo escapar da polémica suscitada no municipio sobre a negociación dos dous convenios de maior envergadura: o de LyC en Espiñeira e o de Eroski en Goiáns. Segundo el o primeiro chegou ás súas mans por iniciativa privada, e despois de estuda-lo con gran atención e darlle a máxima transparencia, decidiron apoialo xa que o consideran positivo para os intereses do municipio.

    En canto ó convenio que posibilitará a recuperación do Pazo de Goiáns para patrimonio municipal, o edil de Urbanismo fixo pública unha valoración realizada por unha empresa especializada e que se encargou de analizalo acordo acadado entre as dúas partes, polo que Eroski lle cede ó concello a totalidade da finca de Goiáns a cambio duns terreos na zona da Pedreira.

    O alcalde, Xosé Deira, valorou tamén moi positivamente os dous convenios, sinalando que se trata dunha oportunidade que Boiro non debe deixar escapar. Ademais fixo referencia ó interese das firmas comerciais por asentarse neste municipio.

    Deira falou tamén da idoneidade do convenio acadado con Eroski que despois de duras negociacións decidiu acollerse á proposta plantexada polo executivo.

    O proceso nos dous convenios atópase agora no período de exposición pública, polo que os veciños e entidades en xeral teñen un prazo dun mes para presenta-las oportunas alegacións. Unha vez realizado este trámite o seguinte paso será a súa aprobación en pleno.

    Redacción Barbanza