A Xunta sacará a licitación o proxecto do parque empresarial do Barbanza

    danielpino_100_220906.jpgRIBEIRA> O Director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Daniel Pino, mantivo unha xuntanza na sede da Asociación de Empresarios de Ribeira con representantes do sector industrial e político desta localidade para analiza-los pormenores do proxecto de polígono industrial comarcal que a Xunta de Galicia pretende construir entre os municipios de Ribeira e a Pobra do Caramiñal. A intención do Goberno Autonómico pasa fundamentalmente por sacar a licitación a obra a finais do ano que vén.

    A reunión foi acollida con gran expectación en Ribeira e foron moitas as persoas, fundamentalmente empresarios interesados en coñece-las características do novo polígono industrial de carácter comarcal que prevé construirse na zona de Moldes, entre os concellos de Ribeira e da Pobra do Caramiñal, os que se achegaron ata a sede da patronal ribeiresa.

    Durante a xuntanza o Director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Daniel Pino, que estivo acompañado por outros representantes do seu departamento, así como polo enxeñeiro redactor do proxecto, explicoulle ós asistentes os pormenores  deste macropolígono cunha superficie total dun millón de metros cadrados.

    O encontro foi solicitado pola propia Asociación de Empresarios de Ribeira que preside Xosé Paz Cadaval co fin de aclararlle certas dúbidas ós empresarios e precisar na medida do posible tódolos detalles relativos á construción deste parque empresarial.danielpino_200_220906.jpg

    Durante a xuntanza o Director do Instituto Galego da Vivenda e Solo explicoulles ós empresarios ribeireses que a Consellería de Vivenda ten prácticamente perfiladas as características deste polígono. Segundo Daniel Pino a construcción deste parque terá un custe de 32 millóns de euros, aínda que a intención da Xunta de Galicia pasará fundamentalmente por facer primeiro unha fase e posteriormente financia-las siguintes coa venda das parcelas.

    Daniel Pino avanzoulle tamén ós empresarios distintos aspectos relativos á área empresarial e que as parcelas urbanizadas costarán ó redor dos 60 euros o metro cadrado. O Director do Instituto Galego da Vivenda e Solo cualificou este prezo de moi competitivo e sinalou que está en sintonía co existente noutros lugares.

    Un dos aspectos nos que Pino fixo especial fincapé foi no feito de que só se venderá terreo a aqueles solicitantes que teñan un proxecto empresarial. Con esta medida quérese evitar que se fagan compras con fins especulativos, como aconteceu noutras zonas.

    A área empresarial ubicarase en terreos pertencentes ós municipios de Ribeira e Pobra, aínda que o polígono non está pensado só para firmas destas dúas localidades. De feito, Pino sinalou na xuntanza que poderá acoller naves doutros municipios e, incluso, do resto de Galicia.

    A nova área estará conectada coas da Tomada e Xarás, e incluso, está previsto amplia-la estrada que une Moldes e Palmeira. A comunicación co recinto da Tomada realizarase mediante un vial de acceso directo, mentres que con Xarás efectuarase pola autovía.

    Dende a patronal ribeiresa valorouse moi positivamente esta xuntanza así como tamén o feito de crear máis chan industrial no municipio, algo verdadeiramente importante xa que na actualidade o terreo para uso industrial está esgotado.O presidente desta asociación, Xosé Paz Cadaval, confía en que se axilicen os prazos ó máximo para que a obra poida ser unha realidade canto antes. Aínda así os trámites que debe realiza-la Xunta para a consecución dos terreos serán longos, xa que haberá que chegar a acordos cos seus propietarios polo que o inicio das obras de urbanización do polígono non poderán realizarse antes dos anos 2008 ou 2009.

    Redacción Barbanza