O executivo ribeirés remodelará en breve a praza do concello

    RIBEIRA > Na web municipal de Ribeira aparece colgado un esbozo do proxecto inicial. A decisión de amosar este croquis, que poderá sufrir modificacións, responde ó interese dos veciños por saber como quedará a praza.

    praza_concello_300_280906.jpgA intención do executivo ribeirés é levar a cabo esta actuación o máis axiña posible. Neste sentido o pasado pleno celebrado o pasado mes de agosto a corporación municipal aprobou destinar unha partida de 150 mil euros para a primeira fase da remodelación da Praza do Concello, estando previsto incluir con cargo ós orzamentos do vindeiro ano a partida restante necesaria para acomete-la obra.

    A intención do goberno local pasa fundamentalmente por mante-la palmeira central existente na actualidade e que ten varias décadas de antiguidade, xa que se trata dun dos elementos identificadores da cidade. No proxecto contémplase a instalación dunha fonte luminosa na zona central da praza e conservaranse as zonas verdes existentes. Segundo os membros do executivo as reformas contribuirán a consolida-la praza coma un lugar de ocio, concordia e convivencia para vecinos e visitantes. 

    Os responsables municipais decidiron amosa-lo debuxo de como quedará a Praza do Concello ante o crecente interese dos veciños en coñece-las características dun dos proxectos que máis están a chamar a atención ós residentes na localidade nos últimos anos, xa que se trata de remodelar un dos lugares máis emblemáticos de Ribeira. 

    Deste xeito tódalas persoas que se conecten á páxina web do concello, www.riveira/servicios,  terán oportunidade de ve-la nova imaxen da praza, que tamén estará exposta no taboleiro de anuncios na casa consistorial. Dende o goberno local apúntase a que con esta actuación estase a continuar coas obras de mellora do centro urbano, que dotan a localidade de novos espazos verdes e de ocio . Neste sentido o que pretende o executivo non é máis que construir unha cidade aberta ós veciños, con áreas de lecer que faciliten a convivencia , ó mesmo tempo que inciden en que non se están a esquecer de continuar coas melloras nas distintas parroquias do municipio para que todos os veciños teñan un nivel similar de servizos municipais .

    Redacción Barbanza