Arousa Norte expón a Varela actuacións en materia de emprego

    BARBANZA > O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, amosouse moi interesado nas propostas e comprometeuse a apoiar novos proxectos como a creación dunha unidade de promoción e desenvolvemento así coma un plan de emprego e cooperación.

    O presidente da Mancomunidade, Isaac Maceiras, acompañado polos alcaldes de Rianxo e Boiro, Pedro Piñeiro e Xosé Deira, e os responsables da xerencia da entidade, Fátima Rodríguez e Pablo López , desprazáronse ata as dependencias da Xunta en Santiago para manter unha xuntanza co Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela.

    No transcurso da xuntanza os representantes comarcais expuxeron as distintas actuacións desenvolvidas pola entidade facendo unha memoria retrospectiva do último ano. O Conselleiro de Traballo interesouse especialmente polo importante incremento de postos de traballo e a creación de varias empresas relacionadas co sector turístico.

    Os rexedores locais aproveitaron a visita para solicitar a colaboración do departamento autonómico na creación dunha unidade de Promoción e Desenvolvemento así coma un Plan de Emprego e Cooperación.

    Outra das demandas efectuadas pola Mancomunidade foi a posibilidade de adscribirse ó antigo Plan Labora, para contar con empregados subvencionados pola Xunta de Galicia.

    Ricardo Varela amosouse moi interesado nas propostas da Mancomunidade e comprometeuse a presta-lo seu apoio e colaboración en todo o que fora posible.

    Redacción Barbanza