O concello de Boiro aposta pola mocidade e o deporte

    BOIRO > Unha subvención da Deputación da Coruña permitirá financiar parte dos novos vestiarios do CEIP de Cespón mentres que o convenio coa Dirección Xeral de Xuventude posibilitará o acondicionamento de locais de ensaio para os grupos musicais do municipio.

    O investimento total para estas dúas actuacións ascende a máis de noventa e seis mil euros, dos cales uns corenta e cinco mil destinaranse para a construción de vestiarios no polideportivo do CEIP Cespón e máis de cincuenta mil sufragarán a habilitación de locais de ensaio musical nos baixos do centro social de Boiro.

    A construción da infraestrutura deportiva será posible grazas a unha aportación da Deputación da Coruña próxima ós 24 mil euros. As obras darán comezo de contado e o concello estima que estarán rematadas nun prazo máximo de dous meses. Non se preven retrasos importantes posto que os traballos realizaranse a cuberto e non interferiran na actividade que se desenvolve a diario na pista deportiva.

    A habilitación de locais de ensaio é froito dun convenio de colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude dependente da Consellería de Vicepresidencia e Benestar Social.  A administración autonómica financiará integramente a actuación cun importe próximo ós 51 mil euros. Os novos locais, que se habilitarán no soto do centro social, darán servizo ás formacións musicais do concello e de toda a comarca co fin de impulsa-los grupos locais.

    No prazo dun mes está previsto comezar a traballar no uso de funcionamento dos locais, distribuíndo as aulas e programando a orde de utilización por parte dos distintos grupos.

    Redacción Barbanza