Os veciños de Cruxeiras reclaman a dotazón de servizos básicos

    cruxeiras_100_041006.jpgRIBEIRA > Os veciños do lugar de Cruxeiras, en Ribeira, seguen a denunciar reiteradamente a carencia de servizos básicos neste núcleo.

    A indignación é o sentir xeral entre a veciñanza que xa non sabe que máis facer para que o executivo municipal atenda as súas peticións. Arredor de quince familias habitan este núcleo que a pesar de contar co servizo da traída de auga carece de saneamento polo que moitos dos veciños tiveron que habilitar fosas sépticas.

    Outra das principais preocupacións refírese ó estado das rúas e camiños, todos eles sen pavimentar, o que dificulta enormemente o acceso ás vivendas. Así mesmo, as fortes chuvias dos últimos días provocaron varios corrimentos de terras e o embarrado do firme, poñendo en perigo a seguridade das persoas que transitan a diario estes viais.

    Os veciños non comprenden porque o concello non lle proporciona este tipo de servizos básicos cando están pagando por eles, como é o caso da recollida do lixo. Os residentes teñen que realizar un longo camiño para deposita-los residuos nos colectores axeitados.cruxeiras_200_041006.jpg

    Por todas estas razóns, a veciñanza considera que se está a vivir unha clara situación discriminatoria no lugar de Cruxeiras que carece dos servizos básicos cos que debería contar toda a poboación. Neste sentido, reclaman ó concello que acometa canto antes unha actuación de mellora que permita incrementa-la calidade de vida de tódolos veciños.

    Desta problemática fíxose eco o grupo municipal do BNG que xa o pasado ano presentara unha moción solicitando a dotazón de servizos básicos para o lugar de Cruxeiras. Daquela, o Partido Popular votara en contra alegando que xa estaba proxectada unha actuación na zona. A día de hoxe, a situación segue exactamente igual e non se ten avanzado na consecución desas melloras.

    Os nacionalistas consideran inadmisible a acitude do goberno municipal que está a deixar no abandono a certos núcleos rurais. Segundo a edil nacionalista Ana Álvarez, os únicos avances que se conseguiron nos últimos anos na zona, foron grazas ó esforzo dos veciños.

    Por este motivo, dende o grupo nacionalista ínstase ó concello a dotar dos servizos de saneamento e recollida de lixo ós veciños de Cruxeiras. Tamén consideran de urxente necesidade proceder ó arranxo dos camiños e distintos accesos posto que coa chegada novamente do inverno a situación tornarase aínda máis complicada.

    Pola súa banda, o equipo de goberno manifestou ser coñecedor destes problemas pero apuntou a existencia dunha serie de problemas técnicos que dificultan as actuacións. Sen embargo, o executivo está xa a traballar na elaboración dun proxecto de mellora integral e na habilitación de partidas económicas para a súa execución. A curto prazo procederase á limpeza do entorno e a instalación de contedores de lixo.

    Redacción Barbanza