MADRID> Trala inauguración oficial do stand, coa presentación da oferta turística de Galicia para este 2025, un dos actos que centrou tamén a atención neste primeiro día tiña coma protagonista ó Cluster de Turismo de Galicia. A entidade aproveitou a súa presenza na Feira para dar a coñecer o programa SIMADA, un sistema de monitorización e análise de datos de aloxamento, ó que pode acollerse de xeito gratuíto calquera empresa do sector.
O Cluster de Turismo de Galicia aproveitou a súa presenza en Fitur para presentar o programa SIMADA, unha ferramenta para a monitorización e análise de datos de ocupación, previsión ou prezos que a entidade pon a disposición das empresas de aloxamento.
Trátase dunha novidosa proposta promovida pola entidade, con afán de continuidade, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, e en colaboración coas asociacións integradas, á que pode acollerse de xeito gratuíto calquera empresa do sector que o desexe.
O SIMADA permitirá poder monitorizar datos de apertura de establecementos, capacidade dispoñible, contratación, fixación de prezos, datos de ocupación… pero tamén moito máis.
O obxectivo é ofrecer de primeira man información sobre as reservas e prezos dos diferentes establecementos de aloxamento para poder así adoptar as mellores decisións no ámbito empresarial. En definitiva, unha ferramenta estratéxica para potenciar a rendabilidade e competitividade das empresas do sector.











