BOIRO> Aínda que a pasada tarde se restablecía por completo o subministro de auga no concello de Boiro, os cortes producidos ó longo desta semana seguen sendo obxecto de debate entre goberno e oposición. O PP acusa ó concello de tentar descargar responsabilidades sobre Augas de Galicia cando as avarías, din, producíronse na rede municipal e non na estación potabilizadora de Padrón.
As explicacións proporcionadas polo concello de Boiro aludindo a problemas na ETAP de Padrón como causa dos cortes de auga rexistrados esta semana no municipio non convenceron ó PP. Consultado con Augas de Galicia, a versión que obtiveron os populares é ben distinta e indica unha rotura da rede municipal como causa principal.
Ademais da obriga de garantir o subministro de auga, posto que se trata dunha competencia municipal, os populares esixen que se garanta a salubridade, referíndose ás tres análises negativas do depósito de Trebonzos.
Consideran dende o PP que a actual situación que presenta a rede de abastecemento é froito da incompetencia dos responsables municipais polo que esixe unha xestión eficaz e investimentos que melloren o sistema de captación e subministro.
En termos similares se pronunciaba o BNG que tamén descartou que os problemas do subministro tiveran a súa orixe na estación potabilizadora de Padrón.
Os nacionalistas coinciden tamén cos populares en que esta situación é froito da deixadez do goberno que prioriza outros investimentos por riba dun servizo básico como a auga. Dende o BNG levan anos demandando investimentos para a renovación da rede de abastecemento e o sistema de impulsión que presenta numerosas eivas.
Ademais da falla de previsión critican a pouco transparencia e escasa información que o concello fixo chegar á cidadanía sobre os cortes previstos e a duración dos mesmos.










