Doutor Seijo: ‘O infarto cerebral, principal causa de mortalidade en Galicia’

    manuelseijoneurologo_100_091006.jpgENTREVISTA > Clausurados con éxito en Sanxenxo os I Encontros Salnés 2006 de actualización en Neuroloxía.

    Éxito rotundo nos ‘Primeiros Encontros Salnés 2006 de actualización en neuroloxía’, polo que xa se pensa en convertelos en cita anual. Os especialistas de centros sanitarios de toda a Península analizaron males tan comúns como as dores de cabeza, das que hai rexistrados 160 casos distintos, a maioría provocados por doenzas musculares ou cansancio e que afectan en maior medida a mulleres xoves ou de mediana idade. Os neurólogos coñeceron os últimos avances cara a curación desta e outras doenzas.

    Durante dous días, neurólogos, internistas e médicos de atención primaria abordaron unha actualización sobre novos tratamentos e patoloxías. Os especialistas analizaron en profundidade os últimos avances da neuroloxía a nivel mundial e as súas aplicacións nos centros sanitarios de todo o país.

    TVSB: ¿Que doenzas se trataron nos I Encontros Salnés 2006 de actualización en Neuroloxía?

    Doutor Seijo: Falamos principalmente dos avances científicos de cada enfermidade. A causa máis frecuente de mortalidade en persoas adultas en Galicia é o Ictus ou Infarto cerebral; tocamos este tema pero tamén outros estudios de distintos tratamentos que se están empezando a implantar. As enfermidades neurolóxicas tamén teñen unha gran morbilidade: moitas son crónicas (alzheimer, párkinson, epilepsia, migrañas, …) e se prolongan durante anos. Exercen unha carga socio- sanitaria moi importante sobre a familia, sobre o sistema e sobre a sociedade. En 2006, téñense producido moitos avances e tamén os tratamos.

    TVSB: ¿Que valoración fai dos I Encontros Salnés 2006 de actualización en Neuroloxía?

    D.S.: Este curso hai que catalogalo como un ÉXITO TOTAL, tanto en asistencia como pola información compartida polos conferenciantes: son persoas cun peso moi importante na Neuroloxía a nivel nacional e moitos tamén no campo da investigación a nivel internacional. Foi un curso excelente, polo que os conferenciantes e moitos dos asistentes comentaron que sería bo repetilo en futuras edicións. Estámolo pensando.   

    TVSB: ¿Podería converterse nunha cita anual no eido da Neuroloxía?

    D.S.: O ano que vén, imos intentar repetir estes Encontros, pero faremos unha convocatoria publicitariamente máis forte a nivel nacional. Agardamos ter en Sanxenxo máis especialistas doutras comunidades autónomas. Contaremos con máis participantes e ponencias adicionais.

    TVSB: ¿Será o Hospital do Salnés novamente quen organice os II Encontros?

    D.S.: Este Hospital conta con profesionais con moitas gañas de traballar pola comarca e pola poboación que asiste. Temos todos moitas gañas de ofrecer a mellor medicina e estámolo facendo, non só no campo da Neuroloxía, senón tamén no eido da Medicina Interna, en toda a área médica e cirúrxica. O Hospital do Salnés ten varias limitacións: a carencia de UCI obríganos a depender doutros centros en determinados tratamentos. Ademais, temos moitas limitacións en canto ó espazo físico: necesitamos máis camas, hai unha clara sobrecarga, así como máis consultas. Proximamente, poremos en marcha técnicas novidosas con novo aparataxe, como a trombolisis, que poderá administrarse en centros coma este.

    Os profesionais estamos desexando atender á cidadanía o mellor posible. E no Salnés creo que o estamos cumprindo.  

    Redacción Salnés