CAMBADOS> O Partido Popular de Cambados aposta por recuperar os grandes nomes nos concertos da Festa do Albariño. Luis Aragunde explicou que dende a formación contactaron con representantes de artistas internacionais como Gente de Zona, Morat ou Carlos Baute, que estarían dispoñibles para actuar nesas datas. Segundo os populares, estas actuacións axudarían a promover a economía local.
Recuperar os grandes nomes para os concertos da Festa do Albariño. Esta é a proposta que lanzan dende o Partido Popular. Dende a formación considera que nos últimos anos Cambados perdeu o seu papel de referente na contorna.
Segundo explicou Aragunde, a formación falou estes días con representantes de artistas internacionais. Hoxe presentou unha selección de dez nomes, entre eles Gente de Zona, Morat, Juanes, Carlos Baute, Bustamante, Chenoa ou The Pretenders. Todos eles estarían dispoñibles para actuar en Cambados nas datas do Albariño.
A contratación de catro destes grupos non suporía, segundo Luis Aragunde, deixar de lado ás formacións locais. Senon buscar outras fórmulas para a súa promoción.
O alcaldable popular tamén explicou que a contratación de nomes internacionais non suporía facer os concertos de pago de xeito xeralizado, aínda que recoñeceu que nalgúns casos podería cobrarse entrada. Iso si, con prezos axustados e accesibles para os veciños.
Comments are closed.