Medio Ambiente instalará unha depuradora en Corrubedo

    corrubedo_100_091006.jpgRIBEIRA > Medio Ambiente instalará unha depuradora en Corrubedo para procesa-los residuos desta parroquia que, durante o verán, cuadriplica a súa poboación.

    Esta actuación vense sumar á implantación dunha depuradora no polígono de Couso, actuación que tamén levará a cabo a Consellería de Medio Ambiente. Debido á distancia da parroquia de Corrubedo, os seus residuos non poderán ser xestionados nesta planta, polo que o departamento autonómico optou pola creación dunha nova depuradora.

    Os terreos destinados á construción desta infraestrutura ubícanse na Punta do Cantón, situada ó final da praia do Prado. A nova instalación dará servizo ós habitantes de Corrubedo e a tódolos visitantes que se desprazan alí durante o verán chegando a cuadriplicar a poboación real.corrubedo_200_091006.jpg

    Este proxecto, aínda pendente de redacción, conta xa co compromiso firme da Xunta de Galicia e supón un paso máis de cara a conquerir o saneamento integral de todo o concello de Ribeira.

    Neste sentido, está prevista nos próximos meses a contratación das obras da rede de saneamento entre os núcleos de Vilar e Vixán para acabar definitivamente cos vertidos rexistrados no Parque Natural de Corrubedo. En total, investiranse 264 mil euros na instalación de máis de dous mil douscentos metros de tubaxes de PVC e a realización de cincuenta e oito pozos de rexistro e dúas cámaras de bombeo. A actuación, que será executada polo concello, conta cun prazo de execución de cinco meses polo que os veciños desta zona poderían contar con este servizo ó longo do próximo ano.

    Redacción Barbanza