Operarios da Xunta de Galicia eliminan os carrís de vehículos lentos en Vilas

    BARBANZA > Operarios da Consellería de Política Territorial están a levar a cabo a supresión dos carrís de vehículos lentos na zona de Vilas en Rianxo, que pasa por ser un dos principais puntos negros da vía autonómica do Barbanza. A medida forma parte das melloras na seguridade da vía solicitadas polos alcaldes da comarca.

    As solicitudes formuladas polos alcaldes da comarca, especialmente o rexedor rianxeiro Pedro Piñeiro, que mesmo hai varias semanas se entrevistaba coa Conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, no seu despacho en Santiago, están a te-los seus froitos.

    Estes días un grupo de operarios contratados pola administración iniciaron as labores de repintado dun tramo da Vía Autonómica ó seu paso polo concello de Rianxo co fin de elimina-los carrís de vehículos lentos existentes na zona de Vilas, que pasa por ser un dos puntos negros desta estrada e onde se produciron gran parte dos accidentes máis graves deste vial.

    Os cambios afectan ós condutores que se desprazan cara Ribeira coma os que o fagan cara Padrón.

    O que se pretende con este cambio é mellora-la seguridade na vía, xa que se amplía notablemente o arcén e o espazo para a circulación dos vehículos.

    Ademais desta actuación, o paquete de medidas de mellora nesta estrada solicitada polos alcaldes barbanzáns incluía tamén a instalación de medianeiras e a aplicación de asfalto rugoso ó chan do vial naquelas zonas máis perigosas, obras que se poderían acometer de inmediato.

    Redacción Barbanza