BARBANZA> Recibida xa a alta médica, os mariñeiros superviventes do ‘Argos Georgia’ agardan pola repatriación.
O avión fretado por España para o seu traslado, no que tamén viaxarán os corpos dos dous compañeiros falecidos no afundimento xa está nas illas Malvinas.
O seu regreso farase con toda seguridade durante a fin de semana.
Para a maioría deles será difícil superar este episodio tráxico, en ‘shock’ aínda trala vivencia de permanecer durante máis de vinte horas á deriva, nunhas condicións do mar moi adversas, con ondas de máis de sete metros e unhas augas xélidas, con temperaturas de menos catro graos.
Antes do seu regreso a España, os superviventes terán que prestar tamén declaración ante as autoridades de Malvinas, que ten aberta unha investigación para determinar as posibles causas do naufraxio.











