![]()
RIANXO > O BNG de Rianxo presentou un escrito no concello solicitando unha copia do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Segundo o grupo nacionalista de Rianxo, esta é a terceira vez en que solicitan unha copia do documento urbanístico sen que, ata o momento, obtiveran unha resposta satisfactoria. A intenión do BNG é conseguir unha copia do plan xeral para incluir as súas aportacións e elaborar a súa proposta coa axuda dun equipo técnico. A resposta do executivo a esta petición sempre é negativa, alegando que tódolos grupos dispoñen dunha copia para consulta no concello. Se nesta ocasión, o goberno tampouco accede a facilitarlles o documento, os nacionalistas teñen previsto deixar de asistir ás comisións informativas sobre o PXOM.
O voceiro dos nacionalistas rianxeiros, Xoán Bautista Mariño Abuín, explicou que dende que se presentou o documento inicial o pasado verán de 2005, pouco se ten avanzado na elaboración do PXOM definitivo. Sen embargo, este constitúe un dos documentos máis importantes e de maior interese para a cidadanía de Rianxo polo que debería nacer froito dun consenso entre tódolos grupos políticos. Neste sentido, os nacionalistas non entenden porque o goberno municipal está a poñer atrancos ó seu desenvolvemento cando o habitual na maior parte dos concellos é que tódolos grupos da corporación dispoñan dunha copia.
Polo momento, os nacionalistas non están dispostos a compromete-lo seu voto afirmativa a este proxecto posto que non tiveron ocasión de estudalo en profundidade. A única proposta realizada dende o BNG ata o momento foi o incremento de chan urbanizable nas aldeas en detrimento das bolsa de terreos preto da vila.
Redacción Barbanza











