Isaac Maceiras acusa ós nacionalistas de enganar á opinión pública

POBRA > O alcalde da Pobra saíu ó paso das acusacións realizadas polo BNG explicando que a adecuación do estadio da Alta xa foi adxudicada e as obras comezarán nun prazo de tres días.

obrasvenecia_200_131006.jpgLonxe de aceptalo o executivo pobrés negou as acusacións realizadas pola voceira do BNG, Rosana Pérez, referidas ó mal estado que presentan algunhas das instalacións deportivas da localidade como é o caso do estadio da Alta. Segundo o goberno local esta previsto investir máis de 360 mil euros na mellora de varias instalación deportivas. Precisamente a vindeira semana darán comezo as obras de mellora do campo de fútbol da Alta grazas a unha subvención da Deputación da Coruña por máis de 257 mil euros e que lle foron adxudicadas á UTE formada polas empresas Calfensa Porxectos e Proico El Barco S.L. a actuación prevé a renovación do actual terreo de xogo, dotándoo dun novo sistema de rego e drenaxe, así como a instalación dunha baranda tubular no fondo oeste. Ademais as obras incluirán tamén o pintado dos muros interiores e exteriores do recinto e a reforma dos vestiarios.

O pavillón de Venecia, outra das instalación ás que o BNG aludía nas súas críticas, está a ser tamén obxecto de melloras por parte do actual equipo de goberno, que iniciou hai varias semanas a mellora da cuberta para soluciona-los problemas de filtracións existentes.

Respecto ó pavillón da Tomada o executivo pobrés acusa tamén ós nacionalistas de falsea-la verdade ó sinalar que non se empregaba. Neste sentido informaron que nesta instalación practícanse varios deportes entre eles artes marciais, tenis, fútbol sala, patinaxe, aeromodelismo, tiro con arco ou baloncesto.

Maceiras Rivas aludiu tamén a outras actuacións en materia de infraestrutura deportiva realizadas polo actual executivo como foi o caso da construción das pistas do Areal e Venecia, o polideportivo do colexio Salustiano Rey Eiras, o campo de fútbol do Xobre ou mesmo a piscina climatizada. Segundo el tratarase de seguir esta liña, traballando para que tódolos veciños poidan disfrutar dos servizos e das infraestruturas básicas que melloren a súa calidade de vida.

Redacción Barbanza