Catro detidos no marco da operación ‘Yuyus’ contra a pesca ilegal

    RIBEIRA> A operación Yuyus contra a pesca ilegal saldouse con catro detidos no Barbanza. Trátase do propietario de Vidal Armadores, Antonio Vidal, e tres familiares que teñen participación na empresa. A investigación, tutelada por un xulgado de Madrid, segue aberta e non se descartan novas detencións. O rexistro das dependencias de Vidal Armadores en Ribeira, outras empresas vinculadas á firma en Boiro e na Coruña e a casa familiar do seu propietario saldouse a última hora de onte con catro detidos. Trátase do armador Antonio Vidal, coñecido como Tucho o Coyo, e tres familiares que tamén forman parte da empresa investigada. O secreto de sumario que pesa sobre a denominada operación Yuyus fixo que non transcenderan máis datos polo momento. A investigación, dirixida dende Madrid, está a ser desenvolvida pola Unidade Medioambiental da Garda Civil e conta co apoio da Interpol. Ó parecer, os detidos están acusados dun delito de pesca ilegal polas presuntas capturas de pescada negra en augas do Antártico. Estas sospeitas perseguen dende hai anos á armadores ribeirense que xa estivo no punto de mira hai un ano no marco da operación Sparrow na que tamén se rexistrou a sede da empresa. Á espera de coñecer máis datos, xa que os detidos foron trasladados a Madrid, non se descartan novas detencións no marco dunha operación que continúa aberta e semella ter numerosas ramificacións a nivel internacional.