Arousa Norte promove un curso de xestión para mozos emprendedores

    BARBANZA > A Mancomunidade de Municipios Arousa Norte vai levar a cabo durante os meses de outubro e novembro un curso de xestión empresarial baixo o título Crear II.

    O curso promovido por Arousa Norte constará de charlas de sensibilización onde se lle explicará a cada persoa o que ten que facer para crear unha empresa, un obradoiro sobre oportunidades de negocio e un curso de xestión empresarial. As charlas de sensibilización darán comezo en Ribeira o luns 23 de outubro, e seguiranlle na Pobra do Caramiñal o martes 24, e en Boiro e Rianxo, o mércores 25 e xoves 26, respectivamente. O obradoiro sobre oportunidades de negocio terá lugar o día 27 no Centro Social de Boiro e o curso de xestión empresarial desenvolverase do 6 ó 21 de novembro tamén neste mesmo escenario.

    As persoas interesadas poderán recibir máis información dirixíndose á propia sede da entidade supramunicipal no concello de Boiro ou ben chamando ó teléfono 981-845236. Para este mesmo colectivo, os emprendedores, vai dirixido tamén outro seminario que se desenvolverá no conservatorio de Ribeira e que está organizado polo propio concello ribeirés e o Igape-BicGalicia.

    O obxectivo deste curso, de tres horas de duración, non é outro que ver como xorden as ideas empresarias, como se poden detectar boas ideas de negocio e como converter un proxecto nunha empresa. Tamén se coñecerá a testemuña dun empresario da zona que contará a súa experiencia.

    A inscrición deberá realizarse na Oficina de Desenvolvemento Local de Ribeira ata o vindeiro 23 de outubro. O seminario é totalmente gratuíto e está orientado ós mozos, estudantes, traballadores en activo, desempregados e, en xeral, todas aquelas persoas con inquietudes empresariais.

    Redacción Barbanza