Unha nova vaga de roubos pon en alerta os mariñeiros de Ribeira

    roubospantalans_100_040907.jpgRIBEIRA > Unha serie de novos roubos nas embarcacións amarradas no porto ribeirés vén de xerar a preocupación do colectivo mariñeiro.

    O sector pesqueiro de Ribeira volve estar en alerta despois da última vaga de roubos rexistrada durante a pasada semana en varias embarcacións atracadas nos pantaláns do porto ribeirés.

    Nesta ocasión, os ladróns levaron consigo diversos sacos de marisco, que os produtores deixan amarrados ás embarcacións para mante-las capturas vivas. Trátase de perdas moi impiortantes, que se veñen sumar á desaparición doutro material como roupas de auga e útiles de pesca.

    A pesar da gravidade da situación, nesta ocasión as perdas están a ser menores que hai uns meses cando tamén se rexistraron diversos episodios de roubos no porto ribeirés. Daquela, os ladróns chegaron a levar consigo depósitos de gasolina, así como os motores e as hélices dalgunhas embarcacións e incluso dispositivos electrónicos de navegación, altamente valorados.

    Máis vixilancia

    O malestar existente entre os membros da confraría antes estes acontecementos levou ó presidente a convocar unha xuntanza para decidir que medidas son precisas para disuadir ós ladróns. A directiva do pósito plantexa a posibilidade de contratar servizos de vixilancia, tanto polo día como pola noite.

    Mentres tanto, a confraría ribeiresa segue á espera da colocación da cámaras de video na zona portuaria, que xa foran comprometidas por Portos de Galicia, sen que ata o momento se teña instalado ningún dispositivo de vixilancia.

    Redacción Barbanza