A Polcía Local respalda a súa xefa

    VILAGARCÍA > Os funcionarios da Policía Local do Concello de Vilagarcía de Arousa non están conformes co alcalde. Non comparten co rexedor os argumentos expostos para a creación dunha praza de oficial para dirixir a sección da Policía Local. Aseguran que se trata en realidade dunha represalia en contra da actual xefa do Corpo, Mari Carmen Roca, polo discurso que pronunciou o día do Patrón da Policía e no que reivindicaba as necesidades do cadro policial.

    Desencantados e desconformes coas declaracións feitas polo alcalde de Vilagarcía a semana pasada, nas que este expresou a intención de crear unha praza de oficial xefe polo descontento coa xestión da suboficial xefa da Policía Local; o corpo de seguridade cidadá convocou esta fin de semana ós medios de comunicación para expresar o seu desacordo.

    Alegan que a xestión realizada nos últimos anos pola Subofical Xefa de Policía Local foi recoñecida en varias ocasións e con carácter público, polo alclade e o equipo de goberno gratificándolle a especial dedicación no desempeño da súa función, polo que non entenden o sorprendente cambio nas declaracións. Achacan a reacción do alcalde a unha represalia polas declaracións feitas pola xefa do corpo, Mari Carmen Roca, no día do Patrón, nas que esta reivindicaba as necesidades do cadro policial.

    A policía coincide co rexedor en que as tarefas do corpo policial son cada vez máis complexas en consonancia cos cambios sociais, lexislativos e mailo aumento poboacional na vila. Pero quéixanse de que cando reivindican melloras se lles fai caso omiso alegando que ‘hai quen está peor’ e nin sequera son recibidos cando o solicitan.

    Redacción Salnés