O PPdeG asegura que a pesca segue sen interesar á Xunta

    SALNÉS > O PPdeG acusa á Xunta de relegar á Consellería de Pesca ó furgón de cola no orzamento de 2007, ó limitar o seu crecemento ó 4,8 por cento, cando o conxunto do goberno medra un 8,8 por cento.

    A Consellería de Pesca contará en 2007 con algo máis de 228 millóns de euros, un 4,8 por cento máis que en 2006. O que para Carmen Gallego é un dato positivo, que reflicte a importancia da pesca como sector estratéxico para o desenvolvemento de Galicia, para o PPdeG significa que a pesca continúa sen interesar ó goberno galego. Os populares constatan que nos orzamentos xerais da Xunta, o de Pesca é o segundo que menos medra, tendo en conta ademais que o crecemento global é dun 8,8 por cento.

    Ademais destacan o recorte nun 48,9 por cento no capítulo de investimentos da Dirección Xeral de Estructuras e Mercados da Pesca, e tamén un descenso do 28,1 por cento no programa de investimento en infraestructuras e bens de uso xeral. Para o PP esto afectará, entre outras cousas, ó Plan de desenvolvemento dos Portos Galegos. Tamén cre que o sector da baixura será un dos grandes prexudicados. Os populares advirten que mentres baixan os investimentos, si medra o gasto en persoal de confianza da Consellería nun 29,8 por cento.

    Fronte as estas críticas, a conselleira Carmen Gallego destacou hoxe que o seu gabinete aposta pola industria, pola investigación e innovación, con 60 millóns para acuicultura e desenvolvemento do Plan Galego, e 58 millóns para a modernización das industrias de transformación e comercialización. Ademais destinará 7 millóns para o seguro de mal tempo e para plans de pensións dirixidos a mariscadoras. Segundo Gallego, os orzamentos para 2007 reflicten o cambio na política pesqueira galega, e manteñen o compromiso desta Consellería cos colectivos que viven do mar.

    Redacción Salnés