O concello de Boiro sostén a legalidade da reparcelación

    BOIRO > Pola súa banda, o executivo boirés sostén que a reparcelación é perfectamente legal posto que é froito dun convenio cos propietarios. Na actualidade, está a espera dunha resolucion xudicial que permita asumir a urbanización das parcelas. Os representantes municipais agardan recibir o documento a próxima semana.

    Durante o proceso de negociación para a reparcelación, este propietario presentou varias alegacións ó convenio que foron desestimadas polo executivo. Juan Briones recurriu entón á vía xudicial pero a súa demanda tampouco foi admitida a trámite.

    O resto dos propietarios si apoiaron o acordo polo que se procedeu á reparcelación e consecuente urbanización dos terreos. Neste sentido, o concelleiro de Urbanismo, Xoán León, explicou que o propietario non ten máis remedio que asumi-lo acordo e permiti-la urbanización que se levará a cabo unha vez recibida a autorización xudicial. Os representantes municipais consideran que a reparcelación foi levada a cabo de xeito equitativo, establecendo as novas parcelas en proporción á superficie orixinal dos terreos.

    Así mesmo, dende o executivo, consideran que Juan Briones foi un dos propietarios máis beneficiados posto que recibiu unha parcela de 1514 metros, coa fachada á praia máis extensa, grazas a cesión doutros propietarios. Ó tratarse dun polígono privado, a lei establece que sexan os propietarios os que asuman os custos de urbanización. O concello, pola súa banda, recibirá o dez por cento de edificabilidade.

    Redacción Barbanza