Máis de seiscentas persoas asisitiron ó festival de curtas Acción 2006

    accion2006_100_061106.jpgBOIRO > O éxito acadado polo Certame Audiovisual Acción, con máis de seiscentos asistentes

    … vén refrendar o bo rumbo tomado por este festival que se consolidou como a cita de referencia para os creadores cinematográficos do Barbanza. Co obxectivo de dar a coñecer as obras realizadas na bisbarra, o concello de Boiro asinou un convenio de distribución coa productora Mister Misto que fará chegar as súas produccións a toda Galicia.

    Títulos como ‘Rosita y Jacinto’ de Albert Ponte, ‘O Conxuro’ de Pablo Milán, ‘Cicatrices’ de Jairo Iglesias ou ‘Non vou’ de Abelardo Rendo integraron o cartel do festival de curtas Acción 2006. Trátase de filmes, todos eles, con escaso presuposto pero con moita ilusión e ganas de ser vistos en moitas partes do mundo. Ó igual que as curtas producidas no concello de Boiro tales como ‘A Nogueira’, ‘Ida e Volta’ ou a curta de animación de Fernando Cortizo. Precisamente este obxectivo é tamén o que persegue o concello de Boiro que vén de asinar un convenio de colaboración coa productora Mister Misto, que se encargará de difundir estes traballos en diversos festivais nacionais e internacionais.

    Pola súa banda, o concello tamén moverá estas creacións por diversos municipios de Galicia evitando que o bo facer dos produtores boireses quede escondido nun caixón. A próxima cita será ‘Curtas no Nadal’, unha inciativa que se levará a cabo durante o mes de decembro, durante o cal varias curtametraxes producidas na comarca serán proxectadas en varios concellos galegos.

    Cine Social

    As xornadas audiovisuais de Boiro dan cabida tamén a outras iniciativas no marco do seu programa. Por segundo ano consecutivo, celebrouse o certame ‘Nada sobre nós sen nós’, organizado pola asociación AMBAR.certamecurtasambar_200_061106.jpg

    Finalmente, o xurado decidiu outorgar o primeiro premio deste certame a ‘Avatar’ de Luís Quiles na categoría de cine, mentres que ‘La Carmen’ de Alfredo López recbiu a máxima distinción no apartado de vídeo. Estes dous traballos foron seleccionados entre máis de trinta e unha obras presentadas, das que inicialmente foron seleccionadas quince pola súa temática.

    O obxectivo deste certame, que este ano acada a súa segunda edición, é recoñecer aqueles traballos audiovisuais que tratan a temática da discapacidade dende unha perspectiva novidosa e alonxada de tópicos.

    O xurado estivo composto nesta edición por Eduardo Galán, Antonio Goñar, Maite Iglesias, Isabel Rey e Xerardo Piñeiro. Ademais dos premios oficiais decidiron outorgar tres mecións honoríficas ós traballos ‘Ser mamá’, ‘Eu son de paz’ e ‘La luz de los sentidos’.

    A entidade organizadora amosou a súa satisfacción ante a colaboración de tódolos participantes e membros da asociación que traballan desinteresadamente para que a celebración deste certame sexa posible. A presidenta do colectivo agradeceu tamén a colaboración do concello de Boiro aínda que lamentou non contar cunha sala de cine para a proxección dos traballos, tal e como aconteceu o pasado ano.

    Redacción Barbanza