Rianxo reivindica a posta en valor da casa de Castelao no seu 121 aniversario

    RIANXO > O concello de Rianxo tributoulle unha emotiva homenaxe a Castelao, conmemorando o 121 aniversario do seu nacemento.

    Un bo número de persoas entre as que se atopaban membros da corporación municipal e representantes da Fundación Castelao, así como numerosos intelectuais e galeguistas, asistiron á homenaxe que lle tributou o concello de Rianxo ó seu fillo máis ilustre: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

    Os actos desenvolvéronse no Paseo da Ribeira, onde se realizou a tradicional ofrenda floral a cargo do alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, e o presidente da Fundación Castelao, Avelino Pousa Antelo, coa interpretación ó fondo da marcha do Antigo Reino de Galicia. Alí mesmo, diante do busto de Castelao, o rexedor rianxeiro avogou por converte-la actual casa natal do autor do Sempre en Galiza nun lugar de culto e visita obrigada para tódolos galegos. Segundo el o concello está a traballar para conseguir que a dita vivenda situada a rúa de Abaixo sexa declarada patrimonio cultural galego, facendo alusión á declaración institucional aprobada o pasado ano en pleno na que se lle reclamaba á Consellería de Cultura que declarase como Bens de Interese Cultural as casas natais de Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio.

    O presidente da Fundación Castelao, Avelino Pousa Antelo, reivindicou tamén que a casa natal do insigne galeguista puidera estar aberta a tódalas persoas que o desexen, como acontece coa casa de Rosalía de Castro en Padrón a que ano tras ano acoden un gran número de visitantes.

    Durante a súa intervención Pousa Antelo destacou a figura de Castelao ó que calificou coma home modélico en todo o que realizou.

    Con anterioridade á ofrenda floral os membros da Fundación Castelao como vén sendo habitual nos últimos anos celebraron a súa asemblea anual no pazo do Martelo. Durante a xuntanza ademais de abordarse a modificación dos estatutos da entidade, tratouse a realización conxuntamente coa Consellería de Cultura dunha xornada a celebrar en Boiro dedicada a Ramón Martínez López, membro fundador da Fundación Castelao e presidente do Partido Galeguista.

    Facetas descoñecidas

    Aínda así os actos en homenaxe a Castelao no 121 aniverario do seu nacemento iniciáronse uns días antes coa presentación de dous libros: Castelao e a cerámica de Xoán Guitián e Castelao pintor de Miguel Anxo Seixas. 

    Na obra Castelao pintor, Miguel Anxo Seixas realiza un repaso á obra do intelectual galeguista, da que sinalou que se caracteriza pola súa orixinalidade e carga emotiva. Na súa intervención o autor destacou tamén que as obras realizadas por Castelao teñen unha marcada vocación popular e un fondo sentimento nacionalista poñendo como exemplo os retratos dos emigrantes, os mariñeiros ou mesmo as paisaxes. Neste sentido destacou obras como Cuento de ciegos, datado no ano 1915, e polo que recibiu a medalla de ouro da Exposición Nacional de Belas Artes.

    O outro libro presentado en Rianxo Castelao e a cerámica de Xoán Guitián, o autor fai un repaso sobre a relación que tivo o artista rianxeiro coa empresa Cerámica Celta de Pontecesures, grazas á amizade deste con Ramón Diéguez, un dos máximos impulsores da fábrica de louza, e que posibilitou que Castelao participase coas súas creacións de debuxos e deseños para a posterior modelaxe das pezas. Durante a súa intervención Xoán Guitián sinalou tamén que non só foi Castelao o artista que traballou para a empresa Cerámica Celta, destacando a outros autores como Asorey e Maside que tamén colaboraron na realización das pezas de cerámica.

    Redacción Barbanza