A AECC de Ribeira agarda reunir a 500 persoas na Gala Anual contra o Cancro

RIBEIRA> Mañá sairán á venda as entradas para a Gala contra o Cancro que se celebrará o 16 de marzo en Chicolino. O obxectivo deste evento, organizado pola xunta local da Asociación Española contra o cancro de Ribeira, é recadar fondos para a investigación ó tempo que se fai un recoñecemento a colectivos e persoas que traballan neste eido.

A xunta local da AECC de Ribeira ultima os preparativos para a súa gran cita anual. A gala-cea que se celebrará o 16 de marzo no salón de eventos Chicolino agarda reunir a 500 persoas que aportarán o seu gran de area na investigación contra o cancro. Como é habitual, a gala servirá para recoñecer o labor de persoas e colectivos do tecido asociativo da comarca. Desta volta, os homenaxeados serán Manolo Mirás, voluntario de Cáritas, o colectivo Mimarte con Tania Fuegho á cabeza e o oncólogo Miguel Fernández de Sanmamed. Haberá tamén un recoñecemento especial para o colectivo de enfermeiras do Barbanza.

As entradas poderanse adquirir a partir de mañá no centro sociocomunitario da asociación, de luns a venres en horario de mañá e tamén os martes e mércores pola tarde. O custo é de 50 euros que ademais da cea inclúe a entrada no sorteo de máis dun cento de agasallos que se realizará dous días antes do evento.

O concello de Ribeira colabora na organización coa AECC á que quixo agradecer non só este evento senón as moitas actividades que realizan ó longo do ano prestando apoio e todo tipo de servizos a pacientes e familiares.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí