![]()
VILAGARCÍA > O PP presentará unha emenda destinada á ampliación do Hospital do Salnés …
… Os populares ofreceron este sábado unha rolda de prensa para responder ó deputado socialista Modesto Pose, quen confirmaba que neste orzamento non había dotación para esta actuación por estar á espera do Plan Funcional.
Os deputados e alcaldes populares do Salnés volven a estar en pé de guerra contra a Xunta pola ampliación do Hospital do Salnés. A pasada semana o deputado socialista Modesto Pose confirmaba que nos presupostos de 2007 só ían 18 millóns de euros e que non estaba previsto aínda a súa ampliación, á espera do Plan Funcional para o Complexo Hospitalario de Pontevedra. O PP lembra que a propia conselleira de Sanidade anunciara no Parlamento o plan funcional para setembro e que a ampliación do hospital comarcal levaría unha partida específica nos orzamentos de 2007.
Os populares din agora que o proxecto orzamentario da Xunta é desastroso en materia sanitaria, cunha diminución do 4,5 por cento. Ademais consideran que o atraso da ampliación do Hospital do Salnés ten como fin a desaparición das Fundacións. Os populares queren que a cidadanía tome conciencia do que denuncian como promesas incumpridas, por parte do socialista Modesto Pose. Ademais botan en falta as voces que sempre reclamaron a ampliación do hospital cando eles gobernaban na Xunta.
Os alcaldes populares consideran que a Xunta está a discriminar a comarca do Salnés, sobre todo en materia sanitaria, lembrando a anulación do PAC de pediatría en Cambados. Precisamente, o rexedor cambadés, José Manuel Cores Tourís, cre que o principal culpable é o presidente da Xunta, ó seu parecer influenciado polo BNG. Os populares presentarán unha emenda específica para o Hospital do Salnés e animan a Modesto Pose a dárllelo seu apoio. ‘Cos votos dos deputados do PP máis o de Modesto Pose a emenda sae adiante’, sinalou a deputada popular Marta Rodríguez.
Redacción Salnés








