Ferido un bombeiro de Ribeira na manifestación dos parques comarcais celebrada en Ourense

RIBEIRA> Un bombeiro do parque comarcal de Ribeira resultou ferido na manifestación celebrada onte ante a Deputación de Ourense. Moisés Fernández, representante sindical e membro do comité de folga, recibiu un golpe durante un forcexo cos antidisturbios. Tivo que ser trasladado ó Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para ser atendido posto que presentaba rotura do tabique nasal.

Os representantes sindicais denunciaron a brutal agresión sufrida por este compañeiro destacando que se trataba dunha manifestación ruidosa pero pacífica polo que emprenderán accións legais contra o axente que xa foi identificado.

Pola contra, dende o Sindicato Unificado de Policía cualificaron a mobilización de ‘radical’ acusando ós manifestantes de exercer gran violencia. Tamén se personarán como acusación particular polas lesións causadas a dous axentes. Neste clima de tensión, o calendario de mobilizacións continúa. A próxima será o 27 de outubro ante a Deputación da Coruña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí