![]()
BOIRO > O concello de Boiro pasou a integra-la rede de centros multimedia de Galicia … .
… coa inauguración da aula multimedia no edificio do Centro Social. Estas novas instalacións permitirán ós seus usuarios acceder a diversos cursos de formación relacionados co manexo das novas tecnoloxías e servirán ademais coma medio de comunicación con outros concellos que leven a cabo iniciativas similares.
Na actualidade, xa son quince os concellos integrantes da Rede de Aulas Multimedias creadas pola Xunta por toda a comunidade galega. A financiación do proxecto correu a cargo da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual. O seu representantes, Manuel Fernández Iglesias, quixo asistir á presentación das novas instalacións para explicar ós futuros usuarios as súas múltiples funcións.
O equipamento desta aula permitirá a conexión en directo co centro e as outras aulas que integran a rede, de xeito que poderán acceder a diversos cursos simultáneamente. O concello de Verín, pioneiro na instalación destes equipos, estivo presente vía satélite a través do seu alcalde que explicou ós presentes os diversos proxectos levados a cabo dende a instalación da aula en 2002.
Formación e creación de emprego
Os concelleiros de Cultura e Mocidade, Xerardo Piñeiro e Dores Torrado, respectivamente, destacaron a necesidade de contar con esta infraestrutura para o desenvolvemento do concello en diversos eidos. Piñeiro incidiu nas posibilidades formativas que suporá para tódolos veciños da bisbarra a posta en funcionamento desta nova aula. Pola súa banda, Dores Torrado destacou o impulso importantec on que está a contar o sector audiovisual que se traduce na creación de emrpesa a través das iniciativas de desenvolvemento local xurdidas no municipio.
O encargado de pecha-lo acto foi o alcalde boirés, Xosé Deira, quen expresou a súa intención de saca-lo máximo partido ó novo equipo multimedia desenvolvendo as súas posibilidades formativas e de comunicación.
Redacción Barbanza










