A Xunta Local do PP de Sanxenxo ratifica a Catalina González como candidata á alcaldía

    SANXENXO > En Sanxenxo veñen de celebrarse dous procesos fundamentais de cara ás eleccións municipais.

    O PSOE de Sanxenxo proclamou por unha abrumadora maioría á actual voceira e secretaria xeral do partido, Dulcinea Aguín, como candidata á alcaldía. E a xunta local do PP ratificaba a Catalina González como candidata nunha asemblea na que presentou a súa demisión Telmo Martín como presidente local do PP. Deste xeito ponse en marcha a renovación do PP de Sanxenxo. Esta noitiña o presidente do PP de Sanxenxo, Telmo Martín, reuniu á agrupación local para presentarlle a candidatura do grupo municipal á alcaldía. A elexida foi a concelleira Catalina González, con quen estivemos antes desta xunta para coñece-las súas impresións nun momento tan importante como éste.

    Catalina asegura que asume o cargo con ilusión e con certo respecto, anque non lle supón un gran cambio nin algo novo posto que foi alcaldesa en funcións en varias ocasións durante os últimos anos. A candidata popular recorda que o seu ascenso en política foi paulatino e por tanto foi habituándose ás diferentes responsabilidades ata chegar ata este punto. A pesares diso, Catalina sabe da responsabilidade que supón sustituír a Telmo Martín e continuar o seu proxecto dándolle un novo estilo á forma de gobernar. Un estilo marcado pola súa forma de traballar moi persoal e polo feito mesmo de ser muller, algo que influirá, di, inevitablemente no seu cargo.

    Redacción Salnés