A Xunta comprométese a construir vivenda protexida en Cambados

    CAMBADOS > Vivenda e Solo renovou os convenios co concello de Cambados para seguir subvencionando proxectos de rehabilitación no casco histórico. Este foi un dos acordos acadados na reunión mantida entre o alcalde e Teresa Táboas. A consellería comprometeuse tamén a construír vivenda protexida en Cambados se o concello cede solo.

    O concello de Cambados espera recibir a finais de maio o informe da Xunta para poder continuar coa tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Salvada esta carencia, a Consellería de Vivenda e Solo está disposta a construír vivenda protexida neste municipio se o concello facilita solo residencial. Así acordaron o alcalde e a conselleira na reunión que mantiveron en Santiago. No último convenio coa Xunta, construíronse en Cambados unhas cincuenta vivendas sociais, en Corvillón. Precisamente, este lugar, ou mesmo A Modia serían os máis viables para que o Concello poida atopar solo suficiente.

    Vivenda e Solo comunicou ó alcalde que se prorrogará durante un ano os convenios en materia de rehabilitación asinados en 2002 e 2003. Deste xeito evitaríase que o concello perda subvencións. Tamén se acordou asinar un novo acordo ata 2009 para financiar a propia oficina da ARI. Para o alcalde é importante tendo en conta que hai bastantes proxectos en lista de espera para mellorar o casco histórico. O concello tamén solicitou a Vivenda e Solo a sinatura dun convenio para rehabilitar rúas e prazas, algo que Teresa Táboas se comprometeu a estudar.

    Redacción Salnés