Telmo Martín candidato do PP a alcaldía de Sanxenxo

SANXENXO> Telmo Martín confirmase como candidato a alcaldía, de Sanxenxo, polo Partido Popular nos vindeiros comicios locais de maio. O actual rexedor da vila sinala que este mandato non foi doado, pero que o reflexo dos 18 meses que leva na alcaldía vense nos diferentes proxectos e melloras que está a sufrir a vila nos últimos meses.
O PP de Sanxenxo xa ten candidato; Telmo Martín. O actual alcalde da vila optará a reelección nos vindeiros comicios de maio do 2019. Nunha rolda de prensa Martín conversou cos xornalistas e admitiu que este mandato comezou de maneira nefasta, aínda que agora despois dos 18 meses que leva na alcaldía parece que rematará doutro xeito.
Esforzo, constancia e traballo, son as premisas que o popular destaca para conseguir facer de Sanxenxo un referente turístico durante os doce meses do ano. Este é tan só un dos obxectivos que o rexedor de Sanxenxo se marca para o vindeiro mandato, no caso de resultar elixido, aínda que non o único. O polígono e o colexio de Vilalonga tamén centraran boa parte dos seus esforzos.
Martín mostrouse tranquilo e agradecido pola confianza depositada dende as filas do seu partido, e recoñeceu que agora toca poñerse a traballar para continuar elaborando un equipo de traballo que permita acadar os obxectivos que demanda Sanxenxo.