Aprendendo a ser pais

    escoladepais_100_091106.jpgBOIRO > Pais boireses participan nunha escola de familia para melloras as relacións cos seus fillos.

    Ter fillos non é tarefa fácil e establecer unha boa comunicación con eles pode converterse nun auténtico problema. Co fin de mellora-las relacións entre os proxenitores e os fillos estase a levar a cabo en Boiro unha escola de familia. A iniciativa non é nova e xa se veu desenvolvendo en anos anteriores, obtendo un gran éxito tanto a nivel formativo como participativo. Ó longo do curso, dun mes aproximado de duración, abórdanse temas como as relacións familiares, a educación para a saúde ou a educación en igualdade. Na experiencia están a participar unhas dezaséis persoas, fundamentalmente mulleres aínda que este ano anotouse algún que outro home que desexa coñecer máis sobre a forma de educar ós seus fillos. O principal obxectivo é establecer un foro de información e intercambio de experiencias entre pais ou titores legales de menores co fin de resolver as principais dúbidas no ámbito educacional.

    Polo momento, a experiencia está a ser moi positiva posto que as sesións desénvolvense dun xeito moi participativo por parte dos pais, permitindo o intercambio de opinións e o debate entre os participantes e os formadores.

    Tódolos pais que están a acudir a esta escola coinciden en destacar a importancia de coñecer os principais problemas e riscos ós que están expostos os seus fillos para fomentar unha educación baseada no respecto e a comunicación. Deste xeito, as nocións adquiridas poderán aplicarse dunha forma práctica para mellora-las relacións familiares.

    O éxito acadado por esta iniciativa, que xa hai anos que se vén desenvolvendo no concello de Boiro, garante a súa continuidade nun futuro co obxectivo de seguir formando ós pais no seu papel de educadores.

    Redacción Barbanza