Os afectados consideran desproporcionada a actuación

    derrubevivendasrianxo_100_110808.jpgRIANXO > Prepárase unha mobilización para este domingo en apoio dos propietarios das vivendas afectadas polo proxecto de Portos de Galicia.

    Os donos de tres vivendas ubicadas en pleno peirao de Rianxo levan varias semanas de mobilizacións en contra do proxecto de mellora de entrada ó porto da localidade previsto por Portos de Galicia e que prevé o seu derrubamento.

    Falla de información

    Xa non saben o que facer. Séntense indignados ante o proxecto de mellora de entrada ó porto rianxeiro que pretende levar a cabo Portos de Galicia e que prevé o derrubamento das súas vivendas. Non teñen ningunha información ó respecto, nin do ente autonómico nin do propio concello rianxeiro, e a única información que reciben é a través dos medios de comunicación que dende hai algún tempo recollen a súa cruzada.

    Actuación desproporcionada

    Para eles trátase dunha actuación desproporcionada. Consideran que hai alternativas menos dramáticas, entre elas, a realización dun recheo na zona, que non prexudicaría a ninguén, máxime, cando a escasos metros dalí, se prevé a realización dun recheo de máis de dez mil metros cadrados que serán destinados á construción dun edificio de usos náuticos.

    Total apoio

    Hai varios días iniciaron unha recollida de sinaturas en contra do proxecto de Portos, tendo o apoio maioritario dos veciños do municipio, así como tamén da asociación de mexilloeiros, confraría de pescadores e os grupos políticos na oposición.

    Mobilización 

    Para este domingo teñen solicitada unha mobilización. A súa intención é seguir defendendo o seu. Non é unha cuestión económica, o que verdadeiramente lles importa é o valor afectivo e sentimental que teñen as súas casas con preto de douscentos anos de antiguidade, das máis vellas de Rianxo.

    Redacción Barbanza