Escolares boireses aprenden a exercer os seus dereitos como consumidores

    consumo_100_18012006.jpgBOIRO > Os alumnos do IES Praia de Barraña asistiron a unha clase práctica na praza de abastos … 

    … sobre os dereitos e garantías cos que deben contar os consumidores.

    Os rapaces someteron a un rigoroso exame os postos municipais, inspeccionado as condicións – hixiénico sanitarias, a calidade dos produtos e o control sobre os mesmos ou as garantías que ofrece cada un deles ós compradores.

    Nesta tarefa contaron coa axuda do director da Escola de Consumo do concello de Boiro, Juan Carlos Ulla, quen lles explicou unha serie de requisitos que debe esixir o consumidor á hora de mercar. O principal é o etiquetado do produto que establece a súa procedencia e características así como o tiquet de compra para as posibles reclamacións que poden xurdir.

    Normativa

    Juan Carlos Ulla informou ademais ós escolares da existencia de numerosas normativas, tanto a nivel autonómico como estatal, que velan polo cumprimento destes deberes. Neste sentido, explicou que debemos habituarnos a reclamar cando o comerciante non reúna os requisitos establecidos.

    Os alumnos puideron comprobar ‘in situ’ se os comerciantes boireses cumpren coas condicións requeridas. Nalgúns casos, os postos da praza de abastos non conseguiron supera-la proba.

    Redacción Barbanza