![]()
POBRA > Cumpríronse os pronósticos e Andrés Rey será o candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía da Pobra.
A agrupación socialista da Pobra do Caramiñal celebrou unha asemblea na que se elixiu á persoa que encabezará a lista do PsdeG-PSOE nas vindeiras eleccións municipais. O candidato escollido foi Andrés Rey, que na actualidade xa ocupaba o cargo de secretario local desta formación política. Coa súa elección rematan xa as quinielas de quen podería se-lo candidato socialista á alcaldía pobresa, aínda que dende un primeiro momento Andrés Rey sonaba xa como o claro número un da lista.
Apoio unánime
O respaldo ó candidato foi total e dos aproximadamente 30 militantes que acudiron á xuntanza non houbo ningún voto en contra nin tampouco outra alternativa presentada. Andrés Rey, que agradeceu o apoio recibido polos seus compañeiros na pasada asemblea, sinalou que nos próximos días ten previsto realiza-la presentación oficial da súa candidatura e dar a coñece-lo nome das persoas que o acompañarán na lista. Segundo el estará conformada por un número importante de xente que se estrenará na vida política
Nos sete primeiros postos irán catro mulleres, cumpríndose así os requerimentos do partido de realizar listas paritarias. A media de idade das persoas que conforman a lista é de 41 anos aproximadamente, todos eles militantes desta formación política, polo que se abandona a idea de incluir independentes como se viña realizando ata o de agora Andrés Rey márcase como obxectivo volver a ilusionar ós veciños, mellorando os resultados dos pasados comicios municipais, sen descarta-la posibilidade de poder arrebatarlle a alcaldía ó Partido Popular.
Redacción Barbanza









