A subdelegada do goberno na Coruña coordina en Rianxo o dispositivo de seguridade da Guadalupe

RIANXO> A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, visitou esta mañá Rianxo para coordinar xunto ó alcalde, Julián Bustelo, o dispositivo de seguridade das festas de Guadalupe. Aproveitou a visita para supervisar diversas actuacións realizadas no municipio con cargo a fondos procedentes do Goberno Central.

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, foi recibida ás portas da casa consistorial polo alcalde Julián Bustelo, así como tamén por outros membros do equipo de goberno.

A visita tiña unha dobre finalidade. Por unha banda presidir xunto co rexedor, a Xunta Local de Seguridade. Un trámite habitual previo ó inicio das festas da Guadalupe de cara a organizar o dispositivo de seguridade para eses días, debido a  masiva afluencia de visitantes.

A outra das razóns tiña que ver coa posta en valor de diversos investimentos levados a cabo nos últimos anos no municipio con cargo ó Plan de Recuperación do Goberno Central como é o caso das axudas para o reforzo da banda ancha, diversas accións en materia do Pacto de Estado de Violencia de Xénero ou actuacións de mellora da eficiencia enerxética, entre outras

A delegada tamén destacou o Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos, ó que se acolleu tamén o Concello e que permitirá a recuperación do Pazo de Martelo dotado con preto dun millón de euros.

 María Rivas aproveitou a súa visita a Rianxo para poñer en valor tamén outras axudas realizadas polo Estado na comarca do Barbanza  que superan xa os 34´4 millóns de euros, dirixidos a diferentes accións para crear turismo máis sostible e moderno e impulsar a dixitalización do sector, do que saíu beneficiada a Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa.