Ruíz esixe a continuidade do consultorio médico de Cabo de Cruz

    consultoriocabodecruz_100_160707_1.jpgBARBANZA > Manuel Ruíz solicitou a comparecencia da Conselleira de Sanidade no Parlamento para explicar o futuro do consultorio de Cabo de Cruz.

    Novamente, o consultorio da localidade boiresa de Cabo de Cruz permanecerá pechado durante o verán, ante a falta de persoal sanitario para cubri-las vacacións dos profesionais adscritos a este centro. Mentres tanto, os usuarios deberán desprazarse ata o centro de saúde de Boiro para recibir asistencia médica.

    Esta situación non é nova posto que o ano pasado xa foi preciso pecha-lo consultorio ante a falla de facultativos para cubri-las baixas vacacionais. Por este motivo, o deputado parlamentario, Manuel Ruíz, solicitou a comparecencia da Conselleira de Sanidade, María Xosé Rubio, co fin de coñecer o futuro do servizo en Cabo de Cruz.

    Os populares reclaman explicacións sobre o novo peche do consultorio así como garantías expresas de que non se procederá ó desmantelamento definitivo do servizo, a curto ou medio prazo. Ruíz Rivas fundamenta estas sospeitas lembrando que diversos responsables da Consellería de Sanidade teñen manifestado unha opinión crítica sobre a existencia de consultorios que funcionan dispersos en pequenas localidades, amosándose partidarios de concentra-la atención noutros centros maiores.

    Por isto, considera que a falta de substitutos no consultorio de Cabo de Cruz pode supoñe-la antesala do seu peche definitivo, para centraliza-las consultas no centro de sáude de Boiro, situado a catro quilómetros.

    Falla de persoal sanitario

    Sen embargo, nunha recente visita ó Barbanza, tanto a delegada provincial de Sanidade, María Ausencia Tomé, como a xerente de atención primaria do SERGAS, Ana Castaño, manifestaron que o peche do consultorio de Cabo de Cruz e doutras localidades galegas que se atopan na mesma situación limitarase soamente o periodo de vacacións dos profesionais sanitarios.

    Segundo as responsables autonómicas o problema radica na falla de facultativos que poidan exerce-las substitución posto que coa recente creación dos puntos de atención continuada estes profesionais pasaron a ser interinos, co que xa non están dispoñibles para cubri-las baixas.

    Aínda así, os populares sosteñen que o goberno tiña que ter adoptado algunha medida para paliar a carencia, tal e como se comprometera o Sergas durante o pasado ano.

    Redacción Barbanza