O concello de Ribeira implantará a ‘zona azul’ nas principais rúas do casco urbano

    RIBEIRA > A falla de espazos para o estacionamento de vehículos é un dos principais problemas cos que se atopan os conductores no casco urbano de Ribeira.

    Para solucionar a escaseza de prazas, o executivo implantará a ‘zona azul’ nos arredores do concello e da praza de abastos, onde se concentra un maior volume de tráfico. Con esta medida, limitarase o tempo de estacionamento de cada vehículo a unha hora, para favorece-la fluctuación do tráfico.

    A nova ordenanza reguladora da ocupación de espazos na vía pública está aínda en fase de elaboración aínda que o executivo xa adiantou a súa intención de incluír a chamada ‘zona azul’ nas principais rúas do casco urbano. Esta medida contempla o establecemento de zonas de estacionamento limitado, nas inmediacións do concello e do mercado municipal, onde os vehículos soamente poderán permanecer aparcados de xeito gratuíto durante unha hora.

    Esta medida pretende contribuír á dinamización do comercio posto que as persoas que se despracen ata Ribeira poderán estacionar o coche durante un tempo limitado, mentre realizan as súas compras. Sen embargo, parece que a normativa, aínda en fase de estudo, non caeu demasiado ben entre o sector e a propia cidadanía en xeral, que considera que a implantación da zona azul non é a solución máis axeitada para poñer fin ós problemas de aparcamento que presenta o centro ribeirés.

    A pesar de que a ordenanza está aínda sen definir, a intención do executivo é levala a pleno a finais de febreiro para que poida entrar en vigor xa no mes de marzo.

    Redacción Barbanza