As obras da futura residencia de AMICOS estarán rematadas a mediados de 2026

BOIRO> AMICOS agarda rematar as obras da nova residencia a mediados do ano que vén. A directora Xeral de Discapacidade visitou esta mañá os traballos do novo módulo que disporá de 26 habitacións individuais.

A directora xeral de Persoas con Discapacidade visitou esta mañá a sede da asociación AMICOS en Comoxo, onde tivo ocasión de coñecer de primeira man como avanzan os traballos de ampliación da residencia. O novo Fogar AMICOS contará con 26 novas habitacións individuais sumándose á residencia que xa está en servizo e que conta con 37 prazas.

Ademais de colaborar na execución do proxecto, a directora xeral de Discapacidade ratificou o compromiso do seu departamento co financiamento de novas prazas públicas.

Durante a visita, mantiveron tamén un encontro cos socios italianos do proxecto de MUSE emmarcado no programa Erasmus+.  Trátase dunha metodoloxía innovadora baseada na música e na arte como terapia encamiñada a mellora as habilidades de comunicación dos profesionais dedicados á atención de persoas con necesidades de apoio.